Onte vin no xornal unha nova sobre don Vicente Risco, persoeiro de relevancia para os do Castro. Dice que a Secretaría Xeral de Política Lingüística e a Fundación Vicente Risco de Allariz asinaron un convenio de colaboración para promover a divulgación, o estudo e a preservación da sua obra. En realidade o texto dice:”a obra dos irmáns Vicente e Antón Risco”. Como se pode ver, tràtase dun erro do xornal. Obviamente, como todos sabemos, son pai e fillo.
Recordo con agarimo a don Vicente Risco e a sua familia que, na miña infancia, era noso veciño na rúa Grande, naqueles largos veráns que pasaban no Castro. Cada vez que chegaban era un acontecemento, un ano máis viñan os veraneantes a romper a monotonía. Como estaban de vacacións andaban sempre por aí e tódalas noites facían unha tertulia moi animada e concurrida diante da Farmacia Vella.
A casa dos de Risco, pechada o resto do ano, en canto eles chegaban era un rebulir de un lado para outro e enseguida íamos a saudar e a darlles a benvida. Eran moi afables con todos nós. Na entrada da sua casa había unha grande panoplia de armas colgada na parede que me chamaba moito a atención cando eu era pequena. Como don Vicente era xa maior e de aspecto tan pacífico, eu non podía imaxinar para que quería ter todas aquelas cousas na casa.
Conservo con moito esmero algúns libros que me levaran de regalo, así como un coche de pasear as bonecas, agasallo de dona Carmen, a sua dona, á que lembro como moi afectuosa e de doce trato.
No hay comentarios:
Publicar un comentario